Vimianzo. Do mar á terra.

Compartir:

Conservación do mar e consumo responsable

Prato gastronómico

Vimianzo é vixía do mar dende fai séculos. Fíxoo con fortalezas coma os castros e o seu Castelo, cuxa proximidade á costa permitía controlar as rutas comerciais do mar do Norte, os negocios da sardiña e da sal e os botíns dos barcos que naufragaban. Tamén o fixo dende paisaxes naturais coma a enseada de Sabadelle e os Penedos de Pasarela, e con persoas que, ata hoxe, foron abandeirados do produto do mar que baña a súa ribeira e os portos veciños da Costa da Morte.

Pero ao labor de vixilancia séguelle a obriga de protección, e a principal ferramenta para poder facelo é o coñecemento.

Co obxectivo de reforzar o sector e a comunidade pesqueira como sinal de identidade da zona, “Do mar á terra” intenta mediante a divulgación de información concienciar sobre o consumo sostible dos produtos do mar, incidindo no respecto á calidade do alimento e a sostenibilidade medioambiental e da actividade pesqueira.

Cando consumimos alimentos do noso territorio, sen darnos conta, apoiamos aos traballadores e produtores locais, contribuímos a reducir a emisión de CO2 á atmósfera e levamos ao prato produtos de calidade.

Todo o mundo: consumidor, pescador, restaurador, pescadeiro… pode participar activamente neste modo responsable de consumo. Por iso, “Do mar á terra” ofréceche unhas guías sobre os aspectos a ter en conta e así intentar evitar o esgotamento dos recursos mariños e a desaparición da comunidade mariñeira.