Galego
  Cereixo
   




Igrexa de Cereixo
                           
    Desembocadura do Río Grande   Estaleiros de Ribeira   Núcleo de Cereixo   Muíño de mareas   Igrexa de Cereixo   Bosque de galería  




Localización

A maneira máis sinxela de chegar ata Cereixo é saíndo do centro de Vimianzo pola estrada que vai ata Camariñas (AC-432). A uns 10 km, na Ponte do Porto (Camariñas) débese virar á esquerda por enriba da ponte que cruza o río Grande. 1 km máis adiante chegaremos ao núcleo de Cereixo (UTM 29T 489775; 4775454).


Igrexa de Santiago de Cereixo
A igrexa parroquial de Santiago de Cereixo é un dos mellores exemplos da arte románica da Costa da Morte. A súa construción pénsase que data de finais do século XII e comparte algunhas características cos templos de Xaviña (Camariñas) e Leis (Muxía), onde é probable que traballasen os mesmos artistas. Os estudosos falan da posibilidade de que canteiros que traballaran na catedral de Santiago, participasen despois nas obras do Mosteiro de Moraime (Muxía) e logo acometesen a edificación de numerosas ermidas e igrexas rurais por toda a Costa da Morte entre as que estaría a de Cereixo.Na construción da igrexa parece que participaron polo menos 2 mestres ou obradoiros diferentes. O primeiro, de influencia Compostelán, faría a zona da ábsida e o segundo sería o responsable da famosa portada sur e tamén da entrada principal polo lado oeste. Este segundo artesán estaría relacionado co tímpano da última cea da igrexa de Moraime.


Porta de Santiago de Cereixo
Na porta Sur da igrexa parroquial de Santiago de Cereixo aparece a representación máis antiga da traslatio do corpo do apóstolo Santiago. Segundo a tradición recolleita no Codex Calixtinus (século XII), despois do martirio do Apóstolo, os seus discípulos, os chamados sete varóns apostólicos, roubaron o corpo do santo e, no porto de Jaffa, metérono nunha barca que foi guiada pola man de Deus ata chegar a Galicia. Esta é precisamente a escena representada na igrexa de Cereixo. No tímpano vese unha barca de madeira sobre as ondas. Dentro está corpo de Santiago, en posición horizontal, rodeado polos sete discípulos e na clave do tímpano aparecen as figuras dun bispo co báculo na man e un anxo que parecen presenciar a escena.


Un camiño secundario a Santiago
A presenza do culto a Santiago en Cereixo, moi preto de Muxía, un dos santuarios con maior tradición Xacobea, fixo que o estudoso Xosé María Lema formulase a hipótese de que puidera existir un camiño secundario de peregrinación a Compostela. A ruta iniciaríase na ría de Camariñas e continuaría remontando o curso do Río Grande por onde hai unha serie de santuarios adicados á Virxe María, moi relacionada co culto Xacobeo. Algúns destes templos son a Nosa Señora de Castrobuxán (Calo), a Ermida da Peregrina da Lagoa (Salto), a Nosa Señora de Montetorán (Bamiro) ou a Nosa Señora da Ermida Vella (Tines).


Carballo centenario
O carballo do adro de Cereixo leva centos de anos presidindo o lugar. Ten un papel simbólico moi importante para a parroquia porque nel dan volta as procesións que saen da igrexa parroquial.










Inicio | Requisitos técnicos
©2015 Concello de Vimianzo