Vimianzo. Do mar á terra.

Compartir:

1. O Castelo de Vimianzo

O Castelo de Vimianzo

O Castelo de Vimianzo (+43° 6' 40", -9° 1' 52") é o permanente vixía da vila. Situado á entrada do núcleo urbán, foi construído polos séculos XII ou XIII pola familia Mariño de Lobeira. Pero non era tal e como o vemos hoxe en día, xa que ao longo dos anos sufriu diversas reformas, debido ás loitas e cambios de donos.

O grande cambio estrutural do Castelo prodúcese a finais do século XV (1467) cando se produce un feito decisivo na historia de Galicia: a Guerra Irmandiña. O pobo, cansado da presión económica, abusos e violencia exercidos por os señores feudais, decide tomar ao asalto as fortalezas. Este acontecemento provocará a fuxida da grande nobreza galega cara a Castela e Portugal, sendo destruídas ou moi danadas a maioría das súas fortificacións, entre elas o Castelo de Vimianzo. Este acontecemento recórdase cunha festa cada mes de xullo: o Asalto ao Castelo.

Pouco despois os nobres escapados organizáronse en Castela e emprenderon a recuperación das súas posesións en 1469. O Castelo foi entón reconstruído co traballo de mestres canteiros vascos.