Vimianzo. Do mar á terra.

Compartir:

Sabadelle: Unha fiestra ao mar

Vimianzo ten a súa fiestra ao mar en Sabadelle. Entre Traba (Laxe) e Camelle (Camariñas) atópase este punto de encontro entre terra e mar, onde Vimianzo saborea a auga salgada do Atlántico.

A parroquia de Carantoña debuxa a súa meta de chegada coa pequena enseada de Sabadelle. Un antigo porto baleeiro ocupado dende o século XIII por pescadores vascos, e máis tarde por pescadores noruegos. Agora é una pequena praia de coídos enmarcada nun contorno salvaxe, con regatos que desembocan no mar, e cunha zona boscosa.

A Punta da Sopena (a lingua de terra que se adentra no mar), divide o coído de Sabadelle e o coído da Señora, que recibe este nome porque antigamente, cando o mar estaba revolto, este era o único porto que deixaba atracar aos barcos. Se te fixas, podes encontrar entre os bolos algunha pintada de Manfred Gnädinger, o artista Alemán de Camelle.

Ao igual que o resto do concello de Vimianzo, esta zona tamén garda vestixios dos antigos habitantes do pobo. Nas proximidades aínda se encontran restos dun antigo poboado de orixe medieval, no que se conserva una casa nobre do século XVI co escudo do fidalgo Gregorio de Lema, considerado un dos mellores prateiros de Galicia.

E non podía faltar a testemuña en forma de pedra, o “Pé do Santo”, petroglifo datado na Idade de Ferro, así como unha paisaxe de rochas esculpidas caprichosamente polo vento ao longo dos séculos.

Un lugar ideal para evadirse e esquecerse da cotianidade mirando ao mar e escoitando o bater do Atlántico nas rochas e coídos. Unha imaxe que esperta os sentidos.