Vimianzo. Do mar á terra.

Compartir:

Cereixo, un recuncho salgado

Ademais de Sabadelle Vimianzo conta con outro recuncho salgado. Trátase de Cereixo. Esta parroquia sitúase nunha península formada na unión dos ríos de Cereixo e Grande, no vértice da ría de Camariñas. Segundo o libro “Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte”, de Xosé Manuel Lema Suárez, Cereixo foi un lugar estratéxico para o comercio e a defensa do territorio vimiancés a partir do século X, aínda que non sobreviviu aos saqueos de vikingos e árabes que chegaron á terra de Soneira nos séculos XII e XIII, quedando totalmente arrasado.

Pero o Porto de Cereixo recuperouse e seguiu a ter unha grande importancia. Ata el chegaban barcos con peregrinos que seguían o seu camiño para acadar o Xacobeo en Santiago ou en Muxía, e máis tarde, durante a época da emigración, foi un punto de recollida de xente da zona que embarcaba cara a América.

Arquitectura de pedra

Nesta pequena parroquia de pouco máis de 500 habitantes encóntranse as Torres de Cereixo, levantadas no século XVII (non visitables) e en cuxa fachada principal loce un escudo señorial que representa ás casas dos señores feudais Novoa, Bermúdez, Castro, Soutomaior, Mendoza e Vilamarín.

Ao carón situase a Igrexa de Santiago de Cereixo (s. XII). Na súa portada sur presenta a traslación dos restos de Santiago acompañado dos sete discípulos nunha barca, unha representación única no románico galego e unha das catro existentes no románico hispánico. Alí, ao seu lado, coma un vixía, obsérvaa un carballo centenario, testemuña de moitas historias.

Trátase pois dunha fermosa paisaxe de mar e terra que afianza o seu encanto grazas ás casas de pedra con balcóns, un enorme hórreo de 30 metros de lonxitude e os seus muíños de mareas (s. XVII). Construídos sobre a desembocadura da ría de Camariñas, estes muíños aproveitaban a subida da auga da ría para acumulala e que, cando baixara, dispuxera de auga para moer. Unha verdadeira mostra de enxeñaría mariña.