Vimianzo. Do mar á terra.

Compartir:

Os Penedos: imaxinario de pedra

A Barca, a Cachucha, a Furada, a Dama… non son cadros, cancións ou poemas, pero son arte. Son os Penedos de Pasarela, conxuntos escultóricos naturais xurdidos pola erosión do vento mariño e que, dependendo do sol, a posición, e a imaxinación, forman distintas imaxes. Esta característica converte a esta zona na única Paisaxe Protexida da Costa da Morte.

Os Penedos de Pasarela, que teñen continuidade cos de Traba (Laxe), sitúanse no leste dunha pequena depresión que comunica o Val de Vimianzo co Val de Traba, e aínda que non contan con puntos moi altos, polas súas formas puntiagudas e abruptas, conforman unha zona moi perigosa para o baño e a navegación.

Invitámosche a facer o percorrido dende a parte máis ao sur, coa Pedra da Barca, que semella a proa dun buque, seguindo coa Pedra da Cachucha, de 208 metros de altura e chamada así polo seu parecido cunha cachucha (cabeza de porco).  Nas inmediacións encóntrase a Ferida da Canteira, que toma este nome por situarse xunto aos restos dunha antiga canteira ilegal.

Segundo camiñas cara ao norte, unha morea de rochas retarate a que lles poñas nome. Hai quen ve no camiño unha garra, unha nave espacial, un can, dromedarios, unha esfinxe… O cumio máis alto destes penedos é a denominada Galla da Pena Forcada, que marca a separación dos municipios de Vimianzo e Laxe. É o pico máis alto desta formación granítica, e pode verse dende calquera punto das inmediacións.

Recomendámosche que continúes desbaldindo imaxinación polos penedos de Traba descubrindo o Bico, a Osa ou a Dama, ata chegar á Torre da Moa. Coroada dunha gran pedra en forma de moa de muíño, foi un lugar empregado como lugar de sacrificio polos celtas, e máis tarde polos romanos.

E ti, ¿Qué é o que ves?