Galego
  Carantoña
   




Coído da Señora
                       
    Núcleo de Sabadelle   Coído da Señora   Unha aldea tradicional   Man e o Land Art   Baleas e barcos afundidos  




Localización

Hai 2 maneiras de chegar á Sabadelle (UTM 29T 493506; 4780870). A primeira e máis rápida é tomar dende o centro de Vimianzo a estrada que vai a Camariñas (AC-432). A uns 8,5 quilómetros, antes de chegar á Ponte do Porto (Camariñas), debemos virar á dereita pola estrada que se dirixe a Camelle e Arou (Camariñas). Finalmente, na entrada ao núcleo urbano de Camelle debemos tomar outra pequena estrada á dereita, pola rúa Campo d’Area, que remata 1 quilómetro máis adiante. Alí, no Coído de Sabadelle, podemos deixar o vehículo e camiñando por un sendeiro tradicional paralelo á costa, chegaremos á zona de Sabadelle que pertence ao concello de Vimianzo.

A segunda opción é para os amantes das camiñadas. Sairemos de novo do centro de Vimianzo pola estrada que vai a Camariñas (AC-432). A uns 2 km débese virar á dereita por outra pequena estrada que pasa por San Xoán de Calo e Pasarela. 3,5 km máis adiante, nun cruce, tómase á dereita a estrada en dirección Laxe (AC-433) e 2 km despois débese virar outra vez á esquerda en dirección Mórdomo, na Parroquia de Santiago de Traba (Laxe). Debemos achegarnos ao extremo máis occidental da praia de Traba, deixaremos o vehículo, e dende alí camiñaremos por un sendeiro que transcorre paralelo á costa. 2,5 km máis adiante chegaremos á Sabadelle.


O Coído da Señora, un porto baleeiro?
Os coídos son pequenas enseadas cheas de coios arredondados pola acción do mar. Non se sabe realmente porque se lle chama da señora, pero semella que ten que ver co feito de que era o único lugar da zona onde se podía atracar os barcos canto a mar estaba en malas condicións. Este tipo de praias, como o mesmo coído de Sabadelle, reunían características idóneas para realizar nelas o despece de baleas, durante a Época Moderna, cando Camelle funcionou como porto baleeiro. Desgraciadamente esta actividade non deixou evidencias físicas na paisaxe, só a toponimia conserva nalgúns lugares a memoria da pesca da balea. Un exemplo é o topónimo atalaia que designa lugares apropiados para o avistamento de cetáceos.


Flora e fauna de Sabadelle
Na contorna de Sabadelle chama a atención a abundante presenza de loureiros e albedros. Tamén se poden atopar acivros e xa cara a zona de Traba un espeso bosque de piñeiros e eucaliptos. En canto a fauna destaca a presenza de aves mariñas como a gabita (Haematopus ostralegus) e a píllara da dunas (Charadrius alexandrinus). Ao ser zona de rocha batida polo mar tamén podemos atopar aquí percebes e mexillóns. Na desembocadura do Rego da Alvariza non é raro ver algunha lontra buscando peixes entre as rochas.


Mariñeiros de Terra
O mar ten sido fonte de riqueza para as poboacións costeiras e non só para os mariñeiros. Na área de Sabadelle, chea de pequenas hortas, aproveitouse desde sempre o argazo que traían as ondas para usar como fertilizante das leiras. Un lugar que se chama Pedra da Alga, poderíanos falar deste uso. Na actualidade os traballos mudaron pero o mar aínda sorprende.

No proxecto «Vimianzo. Do mar á Terra» iniciouse unha ambiciosa tarefa de innovación da oferta gastronómica incluíndo, entre outros, produtos do mar como as algas. Así mesmo os hostaleiros de Vimianzo, apoiándose na arqueogastronomía, recuperaron sabores e receitas inspiradas no mundo dos castros e da Idade Media, nas que, contra o que se adoita a pensar, tiñan gran presenza os froitos do mar. Recentemente uns emprendedores de Vimianzo crearon unha empresa adicada ao embotellado de auga mariña, recollida precisamente no coído de Sabadelle, para ser empregada en usos culinarios.










Inicio | Requisitos técnicos
©2015 Concello de Vimianzo