Nucleo de Sabadelle
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Localización Hai 2 maneiras de chegar á Sabadelle (UTM 29T 493506; 4780870). A primeira e máis rápida é tomar dende o centro de Vimianzo a estrada que vai a Camariñas (AC-432). A uns 8,5 quilómetros, antes de chegar á Ponte do Porto (Camariñas), debemos virar á dereita pola estrada que se dirixe a Camelle e Arou (Camariñas). Finalmente, na entrada ao núcleo urbano de Camelle debemos tomar outra pequena estrada á dereita, pola rúa Campo d’Area, que remata 1 quilómetro máis adiante. Alí, no Coído de Sabadelle, podemos deixar o vehículo e camiñando por un sendeiro tradicional paralelo á costa, chegaremos á zona de Sabadelle que pertence ao concello de Vimianzo. A segunda opción é para os amantes das camiñadas. Sairemos de novo do centro de Vimianzo pola estrada que vai a Camariñas (AC-432). A uns 2 km débese virar á dereita por outra pequena estrada que pasa por San Xoán de Calo e Pasarela. 3,5 km máis adiante, nun cruce, tómase á dereita a estrada en dirección Laxe (AC-433) e 2 km despois débese virar outra vez á esquerda en dirección Mórdomo, na Parroquia de Santiago de Traba (Laxe). Debemos achegarnos ao extremo máis occidental da praia de Traba, deixaremos o vehículo, e dende alí camiñaremos por un sendeiro que transcorre paralelo á costa. 2,5 km máis adiante chegaremos á Sabadelle. O núcleo de Sabadelle Sabadelle é un lugar contiguo ao núcleo urbano de Camelle (Camariñas), co que está historicamente vinculado. Algúns autores incluso falan da posibilidade de que fose o asentamento máis antigo de Camelle. Neste emprazamento, pertencente á parroquia de San Martín de Carantoña, atópase unha das dúas saídas ao mar do concello de Vimianzo. A outra está na parroquia de Cereixo, na Ría do Porto. O límite municipal vai dende o Rego de Sabadelle, que desemboca no coído de Sabadelle, ata o Rego da Albariza, no coído da Señora, aproximadamente uns 200 metros de costa. A casa dos fidalgos En territorio de Vimianzo atópanse os restos dunha pequena aldea. Actualmente só se conservan as ruínas dun casal que pertenceu á familia fidalga dos Lema de Mórdomo (Laxe). Segundo a documentación, entre os propietarios estivo Gregorio de Lema, un dos prateiros máis importantes de Costa da Morte a finais do Séc. XVII e comezos do XVIII. Este artista tiña o seu obradoiro na Freguesía de Santiago de Traba (Laxe) pero ao mesmo tempo mantiña un estreito vínculo con Sabadelle e con Camelle, posto que alí foi fundador da confraría do Santo Espírito. |
|
|||||
Inicio | Requisitos técnicos ©2015 Concello de Vimianzo |