Galego
  Vimianzo
   




Castelo de Vimianzo
       
    Castelo de Vimianzo  

 


Localización

O Castelo de Vimianzo está situado en pleno centro urbano. Tómase a rúa Blanco Rajoy en dirección Baio, ao chegar ao cruce coa estrada AC-432 que vai a Camariñas, séguese recto pola rúa da Torre. 100 m máis adiante vírase á esquerda ata o Castelo de Vimianzo (UTM 29T 497406; 4773157).

 

Os Mariños de Lobeira e o mar
A relación do castelo de Vimianzo co mar ven xa dos seus primeiros propietarios, os Mariño de Lobeira.

Segundo unha lenda do Séc. XIV, o primeiro dos Mariño era un cabaleiro chamado Froiam. Un día, mentres cabalgaba pola beira do mar, atopouse cunha muller mariña (unha serea) moi fermosa durmindo na ribeira. Ela asustouse e tentou mergullarse no mar, pero Froiam capturouna e levouna para a súa casa. Alí aprendeu a falar, fíxoa bautizar e púxolle de nome Mariña porque saíra do mar. Casaron e tiveron un fillo ao que chamaron Johan Froiaz Mariño.

A partires dese momento o emblema da familia vai un escudo cunha serea. Unha pedra armeira coa serea dos Mariño pódese ver na capela de Xora, na parroquia de Treos (Vimianzo).

 

O control da costa
Durante o final da Idade Media foron frecuentes os enfrontamentos entre a estirpe dos Moscoso, propietarios do castelo de Vimianzo, e os Arcebispos de Santiago de Compostela.

Os Moscoso dispoñían dun extenso territorio consolidado na Terra de Soneira, pero moitas das disputas tiñan que ver co control das vilas costeiras. Malpica, Laxe, Camariñas, Muxía… eran lugares estratéxicos que contaban con portos nos que se descargaba peixe, que permitía abastecer aos territorios interiores. Outro recurso estratéxico era o sal, produto de primeira necesidade imprescindible na conservación do peixe e para o curtido do coiro, unha das principais industrias santiaguesas. Como a produción de sal local era insuficiente era preciso importalo doutras zonas como Portugal ou a costa francesa. Polo tanto quen controlase determinados portos controlaba o apetecible comercio do sal.

 

Un arcebispo preso no castelo
Os enfrontamentos entre Moscoso e a mitra foron frecuentes e en ocasións acadaron cotas dramática. Un dos episodios máis audaces tivo como protagonista Bernal Eanes de Moscoso, quen sabendo da presenza do arcebispo Alonso II de Fonseca na vila de Noia, tendeulle unha emboscada e encerrouno nas fortalezas de Vimianzo e Mens (Malpica) durante 28 meses.

 

O Primeiro Castelo de Vimianzo
O castelo de Vimianzo é a arquitectura medieval máis importante da costa da Morte. O primeiro edificio foi construído por volta do Séc. XIII e debía ter unha arquitectura bastante diferente á actual. No patio do actual castelo móstranseme os alicerces da primitiva construción, despois de que foran atopados nas escavacións arqueolóxicas realizadas no 1991.

 

A historia do castelo
Os primeiros propietarios do castelo de Vimianzo foron os Mariño de Lobeira, pero logo pasarán a mans dos Moscoso, orixinarios de Santiago, que acadarán o título de Condes de Altamira e chegarán a converterse nunha da liñaxes máis poderosas de Galicia.

A finais do Séc. XV será derrubado durante a rebelión irmandiña (1467-69) e despois do fracaso do levantamento volverá a ser reconstruído, dándolle a estrutura que podemos observar na actualidade. Durante toda a idade Moderna, o castelo pertencerá aos condes de Altamira, e será administrado por diferentes alcaides e meiriños encargados de cobrar as rendas dos señores.

 

A reforma dos Martelo
No Séc. XIX o castelo é vendido a familia Martelo e a finais de século, Evaristo Martelo, marqués de Almeiras, acomete unha reforma destinada a facer habitable a fortaleza. Anos máis tarde, a súa filla, Dolores Martelo de la Maza cederá o castelo ó Arcebispado de Santiago e finalmente no 1973 será comprado pola Deputación da Coruña, que o vai acondicionar para a súa visita.

 

Área expositiva
A torre leste acolle unha completa exposición sobre a historia do castelo.

 

Artesanía en vivo
Nos antigos edificios residenciais pódese visitar unha mostra de artesanía en vivo, na que o público pode coñecer de primeira man varios oficios tradicionais e observar en tempo real como traballan os artesáns do liño, coiro, prata, encaixe, barro…











Inicio | Requisitos técnicos
©2015 Concello de Vimianzo