Galego
  Carnés
   




Rituais mariñeiros
       
    Rituais mariñeiros  




Localización

Para chegar a San Cristovo de Carnés saímos do centro de Vimianzo pola estrada que vai ata Camariñas (AC-432). A uns 10 quilómetros, na Ponte do Porto (Camariñas) débese virar á esquerda por enriba da ponte que cruza o río Grande. 300 metros máis adiante tómase á esquerda outra estrada pola rúa Esquipa e séguese recto durante uns 2,5 quilómetros ata chegar a unha praciña con cruceiro no centro de Carnés (UTM 29T 490880; 490880).


O ritual de Virar a tella
Na Cerca de San Cristovo de Carnés realizábase un rito tipicamente mariñeiro apesares de que estamos nunha parroquia que non ten costa. Trátase do ritual de virar a tella. Ata hai pouco facíao Carme Rial para evitar que chovese o día do patrón, San Cristovo. Carme collía seis tellas da caseta que hai na Cerca e colocaba tres de maneira paralela e as outras tres orientadas aos ventos dominantes: o Vendaval, o Nordés e a Travesía. Mentres facía isto tiña que rezar un responso.
Rituais semellantes documéntanse por toda a costa galega e portuguesa (A Guarda, Pobra do Caramiñal, Malpica…) e súa a finalidade era mudar os ventos para que os mariñeiros puidesen volver sans e salvos ao seus lugares de orixe.


A Faguía
Na parroquia San Cristovo de Carnés celébrase o 9 de xullo, vésperas do patrón, a festa da Faguía. Probablemente sexa o evento gastronómico máis antigo de Galicia, con máis de 400 anos de antigüidade.

A primeira festa da que temos constancia tivo lugar no 1.608 e consistía nunha comida feita para os membros da confraría de San Cristovo de Carnés, fundada ese mesmo ano. O primeiro menú foi moi mariñeiro: peixe e viño. A celebración continúa facéndose con éxito, pero entre finais do século XIX e comezos do XX muda radicalmente. Agora, nunha época de fames e forte crise, a comida xa non se fai para os confrades, senón para tódolos pobres que se acheguen a Carnés coa intención de comer quente. Así seguirá ata os anos 50 e 60, cando a mellora das condicións económicas fará diminuír a afluencia de pobres.

A festa desaparece na década de 1.970, para volver a rexurdir con forza no 1.981 por iniciativa de varios veciños. Dende entón ata agora é unha festa aberta a todo o mundo e ten como prato estrela os famoso callos de Carnés. En 2.010 foi declarada festa de interese turístico de Galicia.


A Cerca
A Cerca de Cárnés é sen dúbida un dos recintos más singulares de Galicia. Construíuse en 1.833, para evitar que persoas non pertencentes a Confraría de San Cristovo se aproveitasen indebidamente da comida. A solución foi construír un grande muro de pedra, a Cerca, cun único acceso para que por el puidesen entrar os confrades en fila e por orde de chamada. A obra fíxoa un tal Pedro Miñones, veciño de Carnés, por 4.699 reais e dotou ao local dunha caseta con forno para cocer pan.

Hoxe en día a Cerca segue a ser, despois de case 200 anos, o lugar de celebración da comida.










Inicio | Requisitos técnicos
©2015 Concello de Vimianzo